O enólogo e
produtor recibirá o recoñecemento aos seus anos de traballo a prol dos viños
desta Denominación de Orixe na Gala do martes 18 de xuño
14 de xuño de 2019. O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro decidiu outorgar o
seu Premio “Vida entre Vides” a Emilio Rojo.
Emilio Rojo Bangueses (A
Arnoia, 1951) puxo a andar no 1997 o proxecto vitivinícola que leva o seu nome
e suma máis de 30 anos como viticultor e produtor na Denominación de Orixe
Ribeiro.
Un proxecto no que o
seu saber e aposta pola calidade colocaron os seus viños nas mellores mesas e
cartas, cunha proposta persoal, sempre buscando a excelencia e diferenciación,
na que as súas botellas acaban por estar comprometidas mesmo antes de seren embotelladas.
Desde sempre, Emilio
Rojo apostou polas castes autóctonas; o carácter propio nos viños; e o
coñecemento profundo dos viñedos e da riqueza e pluralidade enolóxica coas que
contan as terras do Ribeiro.
Emilio Rojo engádese
deste xeito á lista de gañadores do premio “Vida entre vides”, que conta co
viticultor Avelino Lorenzo; con Arsenio Paz, responsable da adega Vilerma; e
máis con Manuel García Montero, socio fundador e promotor da Cooperativa Vitivinícola
Pazo do Ribeiro, actualmente coñecida
como Viña Costeira.
O galardón foi
creada polo Consello Regulador para salientar o traballo e servir de homenaxe e
recoñecemento ao traballo dos viticultores e adegueiros da D.O. Ribeiro que, co
seu esforzo e dedicación, foron pioneiros na modernización e avance desta
denominación de orixe, a máis antiga de Galicia.
Información sobre a gala e resto de premios
A Gala de Premios
celebrarase o martes 18 de xuño, a partires das 19:30 horas, no Mosteiro de San
Clodio (Leiro). Contará como presentadores cos actores Ledicia Sola e Xosé Antonio Touriñán.
Ademais do “Vida entre Vides” a Emilio Rojo, o CRDO Ribeiro homenaxeará a Paradores co “Premio de Honra”; aos programas de Televisión de Galicia Labranza e O Agro, como “Premio á Mellor Tarefa de Comunicación”; e a María Isabel Mijares, co “Muller e Viño”.
Na cerimonia tamén
vaise premiar a tres establecementos. La
Sucursal (Lugo) recibirá o galardón á “Mellor tenda especializada – viñoteca”;
La Molinera (Lalín), o do “Mellor
servizo de viño en restaurante”; e a Taberna
A Curva (Portonovo) será distinguida como “Mellor taberna – Bar de viños”.
Un panel de cata
será o encargado de designar os mellores viños brancos e tintos, de adega e de
colleiteiro. O veredicto coñecerase no evento do martes vindeiro, que ha reunir
a todos os profesionais do sector.
Sobre
a Denominación de Orixe Ribeiro
A Denominación de Orixe Ribeiro é a máis antiga de
Galicia, oficialmente protexida no ano 1932, e unha das máis antigas de España.
Está conformada por 111 adegas situadas nos vales formados polos ríos Miño,
Avia e Arnoia, no noroeste da provincia de Ourense.
A D.O. Ribeiro ten unha extensión de 2.220 hectáreas de
vide situadas nos concellos de Arnoia, Beade, Boborás, Carballeda de Avia,
Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Ourense, Punxín,
Ribadavia, San Amaro e Toén. Un territorio de grande diversidade vitivinícola
onde traballan uns 5.700 viticultores.
Produce viños brancos e tintos xenuínos con variedades
autóctonas locais: Treixadura, Loureira, Sousón, Brancellao… Así como o Tostado
do Ribeiro, un viño naturalmente doce de longa tradición na zona que data do
século XIX. A produción da colleita 2018
na Denominación de Orixe foi de 9 millóns de quilos de uva. O 92% da produción
total é de viño branco e o 8% de viño tinto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario