M.Embajadora

M.Embajadora
De buena cepa

miércoles, 9 de marzo de 2022

PAN GALEGO, PRESENTADA IXP ( INDICACIÓN GEOGRÁFICA PROTEGIDA)

 


O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria presidiu o acto, que tivo lugar en Lalín

 

A XUNTA PRESENTA OFICIALMENTE A IXP PAN GALEGO E PON DE RELEVO QUE 44 ESTABLECEMENTOS DA COMUNIDADE DISTRIBÚEN DESDE HOXE ESTES NOVOS PRODUTOS CON SELO DE CALIDADE 

 

      Trátase dos puntos de venda das 14 panadarías xa inscritas nesta indicación xeográfica protexida, mentres se seguen a tramitar máis solicitudes de rexistro

      Nese senso, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria animou a que se sigan adherindo á IXP tanto as panaderías que elaboren este produto tan característico, como os muíños e os produtores de trigo   

      As fogazas, roscas, bolas e barras amparadas polo selo distribúense envasadas e identificadas cunha etiqueta numerada na que figura o logotipo de Pan Galego, asegurando a súa rastrexabilidade en todo momento




Lalín (Pontevedra), 9 de marzo de 2022.- A Xunta pon de relevo que un total de 44 establecementos pertencentes a 14 panadarías da comunidade comezan a vender hoxe as primeiras pezas baixo a indicación xeográfica protexida (IXP) Pan Galego. Así se anunciou no acto oficial de presentación, que estivo presidido polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos.

No acto, o director sinalou que as panadarías que distribúen desde hoxe o produto certificado superaron todos os controis previos, garantía do cumprimento dos requisitos establecidos no prego de condicións para a elaboración de Pan Galego. Así, venderán as pezas envasadas e identificadas cunha etiqueta numerada na que figura o logotipo da indicación xeográfica protexida, asegurando a súa rastrexabilidade en todo momento.

Na xornada, José Luis Cabarcos apuntou que na actualidade se seguen a tramitar máis solicitudes de inscrición no rexistro da IXP, polo que en breve aumentará o número de puntos de venda autorizados a distribuír Pan Galego con todas as garantías para os consumidores. Así mesmo, mantense aberto o prazo para que se rexistren na IXP tanto os produtores de trigo autóctono, como os muíños e panadarías interesados en acollerse a este novo selo de calidade.

Cabe engadir que o propio director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria interveu nunha mesa redonda que tivo lugar durante o acto, na que tamén participaron Guadalupe López, presidenta do Consello Regulador da IXP Pan Galego; Miguel Calvo, presidente da Asociación de Produtores de Cereal Galego (Procegal); Luís Urquijo, investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo; e Ángeles Romero, directora da Cátedra do Pan da Universidade de Santiago de Compostela. A xornada puido seguirse tamén por streaming, a través da canle de Youtube da Axencia.



Pan Galego

A calidade diferencial do produto amparado baixo a IXP Pan Galego débese á súa orixe, ás características dos seus ingredientes e á súa forma de elaboración, requisitos todos eles recollidos no prego de condicións da IXP aprobado pola Unión Europea. No que respecta aos ingredientes, debe empregarse fariña de trigo da que, como mínimo, o 25% procederá de trigos de variedades autóctonas de Galicia  entre as que destacan o callobre e o caveiro (“trigo país”). Tamén auga, masa nai (chamada -así mesmo- formento, requento ou lévedo), sal común e, opcionalmente, lévedo biolóxico.

O Pan Galego pode presentarse con catro formatos diferentes: bolo ou fogaza, rosca, bola ou torta e barra. O sabor intenso a trigo cun punto lixeiramente ácido e moi aromático, así como a súa codia triscante e a miga de textura esponxosa e alveolado abundante, son só algúns dos sinais de identidade deste produto tan característico da cultura gastronómica galega.

O consumidor poderá mercar Pan Galego nos puntos de venda rexistrados na indicación xeográfica. Mentres as pezas inferiores a 1.500 gramos serán expedidas, envasadas e etiquetadas en pezas enteiras, en formatos superiores permitirase o corte na propia panadería, sempre que se faga en presenza do cliente. Iso si, antes do seu fraccionamento, a peza deberá estar correctamente identificada. Ademais incluirá o logotipo da IXP e o número de serie específico na súa correspondente etiqueta.

Cabe engadir que as 14 panadarías inscritas ata o momento están emprazadas nas localidades coruñesas de Carral, Oleiros, Curtis, Cerceda, Mesía e Coristanco, así como na cidade de Lugo e no concello lucense de Palas de Rei. Na provincia de Pontevedra, dúas localízanse en Vigo e outras dúas nos municipios de Vilanova de Arousa e A Estrada, mentres en Ourense se atopan en Allariz e en San Cristovo de Cea. Os interesados en coñecer os puntos de venda poderán consultalos no seguinte enlace: https://experienciasdecalidade.xunta.gal/gl/produtos/panaderia-e-reposteria/pan-galego.  

 


No hay comentarios:

Publicar un comentario