Os formularios para os que queiran tomar parte nas diferentes actividades que se
promoverán poden cubrise online na web rutadelvinovaldeorras.com ou a través
dos perfís de Facebook e Instagram da asociación
O Barco de Valdeorras (Ourense), 27 de abril de 2022.- O prazo de inscrición para
participar nas diversas accións que se desenvolverán ao abeiro das XI Xornadas de Portas
Abertas da Ruta dos Viños de Valdeorras ábrese este mércores, 27 de abril. Os
interesados e interesadas en asistir ás diferentes actividades que se porán en marcha
poden inscribirse xa nos formularios habilitados ao respecto na páxina web
https://www.rutadelvinovaldeorras.com/ ou nos perfís de Facebook e Instagram da
asociación.
Visitas a adegas, posta en valor de itinerarios e rutas ligadas ao viño na comarca,
actividades de ligazón entre o eido da pizarra valdeorresa e o do viño, maridaxe entre
viño e música, catas e túneles do viño, entre outras accións, desenvolveranse na fin de
semana dos 27, 28 e 29 de maio en diferentes enclaves de Valdeorras no marco da
tradicionais xornadas de portas abertas promovidas dende a Axencia de Turismo de
Galicia, organismo que financia esta acción.
Presentación o 2 de maio
A iniciativa será presentada oficialmente en Santiago o vindeiro 2 de maio e durante a
próxima semana levaranse a cabo accións promocionais de street marketing nas sete
cidades principais de Galicia coa finalidade de espertar o interese do público e atraer
visitantes aos diferentes territorios amparados que celebran as súas xornadas de portas
abertas.
O 5 de maio, ademais, levarase a cabo unha acción promocional específica dos buses do
viño que, procedentes da Coruña, Santiago, Vigo, Ourense e Ponferrada achegarán
visitantes ás xornadas de portas abertas nos días 28 e 29 de maio.
Intensa campaña promocional
No caso de Valdeorras, a Ruta do Viño desenvolverá unha intensa campaña promocional
en medios de comunicación e redes sociais para favorecer a chegada de visitantes. Ao
mesmo tempo, estase a involucrar ao tecido empresarial e hosteleiro da comarca onde
se distribuirán folletos con mapas e carteis das xornadas.
Para información adicional:
info@rutadelvinovaldeorras.com