M.Embajadora

M.Embajadora
De buena cepa

jueves, 14 de noviembre de 2024

A crítica de viños Beth Willard percorre a Ribeira Sacra: cata e visitas a 19 adegas

 


O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra recibiu a visita de Beth Willard, crítica de viños e profesional de ampla traxectoria no sector, quen dedicou catro días a coñecer os viños e as adegas desta Denominación de Orixe. 

A visita, que tivo lugar dende o xoves 7 de novembro ata o domingo 10, incluíu unha cata de 26 viños de diferentes adegas na sede do Consello e un percorrido por 19 adegas situadas nas distintas subzonas da Ribeira Sacra.

 

O traballo de Beth Willard nesta visita enmárcase nas súas actividades como colaboradora da plataforma do xornalista e crítico Tim Atkin. Cunha carreira de máis de 15 anos no ámbito dos viños españois, Willard especializouse na cata, avaliación e análise de viños, e tamén é co-presidenta dos Decanter World Wine Awards, ademais de colaboradora da revista Decanter. Ademais, realiza presentacións e catas de viños españois, sendo membro do Gran Orden de Cabaleiros do Viño.

 

Na súa visita á Ribeira Sacra, Beth Willard buscou afondar na oferta da D.O. mediante un exhaustivo percorrido polas adegas e unha cata ampla que lle permitiu recoller datos e valoracións de interese. Os resultados deste traballo serán publicados na web de Tim Atkin, unha plataforma que ofrece informes detallados sobre distintas zonas de viño en España e a nivel internacional. Estes informes, elaborados por Atkin e os seus colaboradores, considéranse un recurso de referencia no sector, aportando unha avaliación profesional e actualizada sobre os viños de diversas procedencias.

 

Para o Consello Regulador, a visita de Willard reforza o interese existente polos viños da Ribeira Sacra e enmárcase no obxectivo de posicionar os seus viños como un referente de calidade e autenticidade.

 

 

Un viño da D.O. Ribeira Sacra, mellor viño español segundo James Suckling

 


O prestixioso crítico internacional James Suckling publicou a súa lista anual dos "Cen mellores viños españois", na que o viño Guímaro Mencía Ribeira Sacra Finca Meixeman 2022, da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, foi elixido como o mellor viño de España.


 Ademais, outros viños da Ribeira Sacra acadaron posicións destacadas nesta lista, que cada ano avalía a calidade e singularidade dos viños de diferentes zonas de España. Así, F. Algueira Ribeira Sacra Dolio 2020 sitúase no posto número 6 e Guímaro Ribeira Sacra Camiño Real 2022 no 31.

Sobre o viño situado no primeiro lugar, no artigo destácase que “o Guímaro Mencía Ribeira Sacra Finca Meixeman 2022 provén dunha zona coñecida polos seus impresionantes viñedos en terrazas, principalmente situados ao longo das serpenteantes beiras dos ríos Sil, Miño e Cabe. Este viño reflicte á perfección o cambio en España cara a produtos de localización específica, mostrando a facilidade de consumo típica dos viños da Ribeira Sacra e destacando a excepcional calidade da colleita de 2022”.

A plataforma James Suckling é un dos referentes mundiais na crítica enolóxica, e as súas avaliacións son seguidas tanto por profesionais do sector coma por consumidores de todo o mundo. O recoñecemento de Guímaro 2022 como mellor viño de España nesta lista pon en valor o esforzo e a dedicación das adegas e do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra por amosar ao mercado internacional a excelencia dos seus viños.

Segundo declaracións recentes do presidente do Consello Regulador, Antonio Lombardia, o posicionamento dos viños da Ribeira Sacra neste tipo de listados representa un avance na estratexia de internacionalización e de recoñecemento da calidade dos viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.