M.Embajadora

M.Embajadora
De buena cepa

domingo, 16 de junio de 2019

EMILIO ROJO RECIBE O PREMIO “VIDA ENTRE VIDES” 2019 DA DENOMINACIÓN DE ORIXE RIBEIRO



O enólogo e produtor recibirá o recoñecemento aos seus anos de traballo a prol dos viños desta Denominación de Orixe na Gala do martes 18 de xuño

14 de xuño de 2019. O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro decidiu outorgar o seu Premio “Vida entre Vides” a Emilio Rojo.

Emilio Rojo Bangueses (A Arnoia, 1951) puxo a andar no 1997 o proxecto vitivinícola que leva o seu nome e suma máis de 30 anos como viticultor e produtor na Denominación de Orixe Ribeiro.

Un proxecto no que o seu saber e aposta pola calidade colocaron os seus viños nas mellores mesas e cartas, cunha proposta persoal, sempre buscando a excelencia e diferenciación, na que as súas botellas acaban por estar comprometidas mesmo antes de seren embotelladas.

Desde sempre, Emilio Rojo apostou polas castes autóctonas; o carácter propio nos viños; e o coñecemento profundo dos viñedos e da riqueza e pluralidade enolóxica coas que contan as terras do Ribeiro.

Emilio Rojo engádese deste xeito á lista de gañadores do premio “Vida entre vides”, que conta co viticultor Avelino Lorenzo; con Arsenio Paz, responsable da adega Vilerma; e máis con Manuel García Montero, socio fundador e promotor da Cooperativa Vitivinícola Pazo  do Ribeiro, actualmente coñecida como  Viña  Costeira.

O galardón foi creada polo Consello Regulador para salientar o traballo e servir de homenaxe e recoñecemento ao traballo dos viticultores e adegueiros da D.O. Ribeiro que, co seu esforzo e dedicación, foron pioneiros na modernización e avance desta denominación de orixe, a máis antiga de Galicia.



Información sobre a gala e resto de premios
A Gala de Premios celebrarase o martes 18 de xuño, a partires das 19:30 horas, no Mosteiro de San Clodio (Leiro). Contará como presentadores cos actores Ledicia Sola e Xosé Antonio Touriñán.

Ademais do “Vida entre Vides” a Emilio Rojo, o CRDO Ribeiro homenaxeará a Paradores co “Premio de Honra”; aos programas de Televisión de Galicia Labranza e O Agro, como “Premio á Mellor Tarefa de Comunicación”; e a María Isabel Mijares, co “Muller e Viño”.

Na cerimonia tamén vaise premiar a tres establecementos. La Sucursal (Lugo) recibirá o galardón á “Mellor tenda especializada – viñoteca”; La Molinera (Lalín), o do “Mellor servizo de viño en restaurante”; e a Taberna A Curva (Portonovo) será distinguida como “Mellor taberna – Bar de viños”.

Un panel de cata será o encargado de designar os mellores viños brancos e tintos, de adega e de colleiteiro. O veredicto coñecerase no evento do martes vindeiro, que ha reunir a todos os profesionais do sector.


Sobre a Denominación de Orixe Ribeiro

A Denominación de Orixe Ribeiro é a máis antiga de Galicia, oficialmente protexida no ano 1932, e unha das máis antigas de España. Está conformada por 111 adegas situadas nos vales formados polos ríos Miño, Avia e Arnoia, no noroeste da provincia de Ourense.

A D.O. Ribeiro ten unha extensión de 2.220 hectáreas de vide situadas nos concellos de Arnoia, Beade, Boborás, Carballeda de Avia, Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Ourense, Punxín, Ribadavia, San Amaro e Toén. Un territorio de grande diversidade vitivinícola onde traballan uns 5.700 viticultores.

Produce viños brancos e tintos xenuínos con variedades autóctonas locais: Treixadura, Loureira, Sousón, Brancellao… Así como o Tostado do Ribeiro, un viño naturalmente doce de longa tradición na zona que data do século XIX.  A produción da colleita 2018 na Denominación de Orixe foi de 9 millóns de quilos de uva. O 92% da produción total é de viño branco e o 8% de viño tinto.          



No hay comentarios:

Publicar un comentario